lunes, 8 de febrero de 2010

Novata

Ola a todas e todos,

Por suxestión dunha persoa empezo a iniciarme no mundo dos blogs. Agardo poder actualizado e enterarme algo mellor de como funciona esta páxina, pois ando algo perdida.

martes, 2 de febrero de 2010

O Complexo Roberto Varela

No terreo da psicoloxía é común poñer nomes de personaxes históricos ou mitolóxicos para definir diversos trastornos da personalidade. Aí temos o complexo de Edipo, o de Antígona, o de Electra, o de Narciso ou tantos outros acuñados polas diferentes correntes que integran a ciencia de analizar o comportamento dos seres humanos. Pois ben, considero que a actitude do noso flamante conselleiro de cultura ben vale que o seu nome e apelidos pasen a engrosar a lista de trastornos. O complexo Roberto Varela. Mesmo me atrevo a propoñer unha definición: “aquel que menospreza a cultura galega, que a considera limitada, ensimismida; que se estima dotado dunha visión superior da cultura, capaz de redimirnos dos nosos límites, mais que non é capaz de demostralo e que no fondo esconde un complexo e prexuízo contra a cultura galega.”

Non sei que pensaran os estudosos e estudosas da psicoloxía, mais opino que estamos ante un complexo que ben merece figurar na lista. Porque é inaudito o que está pasando neste país. As institucións de autogoberno, que na teoría naceron para defender a singularidade do noso pobo, ocupadas por persoas que teñen o obxectivo contrario. O Conselleiro de Cultura, que ten sentido en canto existe cultura galega, estrease no cargo afirmando que a cultura galega limita (nin Aznar nos seus mellores tempos se atrevera a tanto!) e como se dun mesías se tratase, enuncia o seu cometido: está aquí para que superemos o complexo da gaita (!!!!). En consonancia con esta idea, elimina todo aquilo que nos limitaba: as axudas á tradución, os Premios Nacionais da Cultura Galega, o Culturgal, as axudas á recuperación da memoria histórica... descabeza as principais institucións culturais del dependente e dedícase á promoción e apoio a todo aquilo que non teña o adxectivo de galego. Xa se sabe, para ser moderno e universal non hai que ser galego.

Mais nestes dez meses non só descubre que a cultura galega limita, senón que afirma que os nosos creadores e creadoras están “ensimismados” e “acomplexados”. E nun intento de desensarillar o sarillo, complica máis o asunto dicindo polo alto, o que moitos afirmaban polo baixo: que ten un descoñecemento oceánico da cultura galega.

Chegados a este punto cabe outra reflexión. A súa responsabilidade non exime a quen tivo a ocorrencia de nomealo. Ese é o verdadeiro responsábel. O Presidente da Xunta de Galiza ten a obriga de aclararnos si está ou non de acordo co seu conselleiro. De momento só hai silencio cómplice e como moi ben di a nosa sabedoría popular, o que cala outorga.